xvii asemblea
nacional

a coruña
7 de novembro, 2021

Por Galiza

Un encontro histórico para o BNG

O vindeiro 7 de novembro a militancia do BNG volveremos xuntarnos nunha cita histórica en que, entre todas e todos, marcaremos a folla de ruta dun novo tempo, dun ciclo en que afrontaremos o reto colectivo de agrandar aínda máis a base social do nacionalismo e gobernar Galiza. Contamos contigo para construír un futuro noso e mellor.

Somos máis e queremos seguir medrando

Desde a pasada asemblea, sumamos 1.420 incorporacións de militantes e temos que ir a máis. O BNG vive un momento de alza, con entusiasmo e enerxía para afrontar os novos retos que se aveciñan. Lideramos hoxe a alternativa de goberno a Feijóo, e queremos presidir a Xunta en 2024. A nosa aspiración é liderar un goberno que defenda os nosos dereitos e intereses e traballe por mellorar a vida de galegas e galegos. Podemos conseguilo, coa confianza e a vontade de traballar polo país, que é o motor das nosas catro décadas de historia.

Ideas e traballo, co centro sempre en Galiza

O BNG sumou dentro de si nos últimos anos a centos de persoas que se convenceron de que o ideario soberanista, a actuación de mans libres e sen ataduras e o traballo arreo en función dos intereses e dereitos do pobo galego eran a mellor opción para gañar por Galiza.

Hoxe temos un novo reto: queremos reforzar a nosa organización porque temos a certeza de que non haberá avanzo real sen unhas bases do BNG fortes e activas.

A Galiza viva, forte, xusta e con futuro pola que traballamos precisa de máis nacionalismo organizado, de máis capacidade para defender na rúa, nos parlamentos, nos centros de traballo, na sociedade, a alternativa que defende o noso país.

Un BNG solvente e preparado para unha nova etapa

O vindeiro 2022 cumpriranse os corenta anos daquela primeira asemblea que en 1982 se desenvolveu tamén na Coruña e, desde entón, o BNG continúa a ser unha organización que aposta pola soberanía nacional, que defende o país, os dereitos humanos, unha forza feminista, pacifista e antimilitarista, que traballa por mellorar as condicións de vida das persoas. Mais, neste tempo histórico, a nosa organización preséntase como unha alternativa política fortalecida, cunha organización cohesionada, solvente e forte, con máis militancia e coa posibilidade real por vez primeira de liderar o futuro deste país.

Se o BNG gaña, Galiza gaña

Nesta XVII Asemblea, o BNG fará balance duns anos en que se confirmou como alternativa sólida, con capacidade de goberno e con propostas de futuro centradas no país. Do encontro da Coruña sairá unha mensaxe de confianza nas nosas propias forzas e na capacidade de autoorganización do pobo galego. Precisamos, desde xa, trasladar aínda con máis enerxía a ilusión e confianza nun proxecto político de principios sólidos e de especial interese para garantir un futuro mellor para a nosa nación. Repetir e convencer de que, se o BNG gaña, Galiza gaña.

Unha alternativa transformadora e innovadora

Desde os concellos, desde as deputacións, desde o Parlamento Galego, o Congreso ou a Unión Europea, o BNG mostrouse contundente na defensa dos dereitos e intereses galegos, coas mans libres, sen ataduras. O BNG estivo á cabeza da loita contra o espoio enerxético, contra o roubo nas autoestradas, fronte aos ataques a nosa lingua e identidade, para poñer fronte ao veto aos nosos sectores produtivos... condicionando as axendas políticas fronte aos partidos de obediencia española que contribuíron, pola contra, a manter políticas que discriminan a nosa nación. Somos, e así o demostramos, unha organización preparada, unha alternativa firme que é a ferramenta acaída para conducir o novo rumbo, transformador e innovador, que precisa o pobo galego neste momento histórico. Para que o nacionalismo lidere o goberno deste país, para construírmos un futuro mellor desde nós mesmos, desde nós mesmas.